Preguntas frecuentes sobre o iARCUS

Que é o iARCUS? É ARCUS ou iARCUS?

O iARCUS é o Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global. As siglas do iARCUS veñen do nome en inglés ARCUS —Aquatic (One Health) Research Centre—, ao que se lle engadiu o "i" de instituto na versión en galego e castelán, e o "US" ao final para estar en sintonía coa denominación dos outros institutos de investigación da USC.

Como son os procesos de selección no iARCUS?

O iARCUS, como Instituto de Investigación pertencente á USC, ten os seus procesos de selección centralizados na propia universidade. As vacantes de traballo do iARCUS anunciaranse na páxina web da universidade, mediante convocatorias de contratación ordinarias e extraordinarias. Podes atopar as convocatorias de emprego da USC nesta ligazón: https://www.usc.gal/gl/investigar-na-usc/convocatorias?page=1

Podo mandar o meu CV como expresión de interese ao iARCUS?

Como entidade pública, debemos seguir uns criterios de transparencia, promoción e igualdade á hora de contratar o noso equipo. Polo tanto, aínda que podes enviar a túa expresión de interese ao iARCUS, non dispomos dun rexistro de currículos e, por iso, as expresións de interese non se teñen en conta á hora de contratar. Débese seguir o proceso de contratación da USC a través das súas canles oficiais. Nesta páxina están as convocatorias de emprego en proxectos de I+D da USC: https://www.usc.gal/gl/investigar-na-usc/convocatorias?page=1

Que servizos ofertades?

O iARCUS ofrece unha carteira de servizos tecnolóxicos orientada á transferencia ao sector produtivo da investigación e innovación desenvolvidas no centro. Os servizos ofertados inclúen a análise química avanzada de contaminantes e residuos mediante espectrometría de masas, o diagnóstico microbiolóxico, virolóxico e parasitolóxico de organismos acuáticos, o desenvolvemento de autovacinas e ferramentas diagnósticas, así como o acceso a infraestruturas biotecnolóxicas de alto nivel para análises moleculares e procesamento avanzado de mostras. A carteira de servizos está dispoñible aquí: https://arcus.usc.gal/transferencia

O iARCUS oferta cursos?

Como Instituto de Investigación, a transferencia é un piar esencial. Por iso ofertamos cursos ás empresas nos que lles transmitimos o coñecemento xerado no instituto. A superación destes cursos ad hoc para certas empresas non implica, en ningún caso, formación regrada. Non se emite ningún certificado pola súa superación, xa que non somos un instituto de ensino.

Onde estades situados?

A sede do iARCUS atópase no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, no número 7 da rúa Constantino Candeira, 15705, Santiago de Compostela.

Ademais da sede do iARCUS, tamén existen grupos e laboratorios do instituto situados noutros edificios do Campus Vida de Santiago de Compostela, coma o antigo Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias (edificio IIAA), no número 5 da rúa Constantino Candeira, o Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (edificio CIBUS), a Facultade de Ciencias da Educación, a Facultade de Farmacia ou a Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Ademais, tamén temos presenza no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e no Campus Terra en Lugo.