Axenda científica do iARCUS

Obxectivos estratéxicos do iARCUS

Marco de acción de iARCUS: One Health

Para cumprir cos obxectivos científicos e estratéxicos formulados, deseñouse unha axenda científica que sobrevoará, en todo momento, as actividades de investigación, formación, difusión e transferencia levadas a cabo por este instituto de investigación, nacido da experiencia previa do Instituto de Acuicultura e do Instituto de Análises Químicas e Biolóxicas da USC,  así como de novos grupos asociados, cun espírito centrado no medio acuático –natural e de acuicultura– mariño e continental, para Unha Saúde Global.

One Health: O concepto

O ser humano, os animais e o medioambiente están interconectados e, por iso, son interdependentes. Este é precisamente o concepto de One Health (Unha única Saúde ou Saúde Global): Aquelo que afecte a un dos compoñentes da tríada afectará aos demais. Este feito global trasládase, tamén, ao medio acuático natural, tanto no ámbito oceánico como continental:

Da saúde do medio acuático depende a saúde dos animais que o ocupan, así como a saúde de a poboación; mesmamente, unha mala saúde destes expresarase no ecosistema acuático en modo de contaminantes químicos e microbianos.

Accións promovidas por iARCUS

Eixes estratéxicos de investigación

Defínense os eixes estratéxicos como clara oportunidade de estruturar as capacidades reais do iARCUS para adaptarnos, de xeito coordinado e interdisciplinarmente, aos retos –actuais e futuros– da I+D+I no ámbito acuático. Estes eixes coinciden cos tres que constitúen a triada aquatic One Health:

Eixe 1.- Auga e saúde animal
  • Acuicultura sostible. Prevención e Control.
  • Patoloxía de Animais acuáticos.
  • Calidade, Trazabilidade e Seguridade alimentaria.
Eixe 2.- Auga e saúde ambiental
  • Contaminación Química e Saúde Animal.
  • Medio Acuático e Contaminación Química.
  • Contaminación Química e Saúde Humana.
Eixe 3.- Auga e saúde humana
  • Saúde humana e Contaminación do Medio.
  • Investigación Animal como Modelo Biométrico.
  • Zoonosis. Substancias Bioactivas.
Eixe Transversal.- Educación en resiliencia e sustentabilidade

Prioridades estratéxicas de investigación

Os retos aos que se enfrota o iARCUS débense abordar de xeito interdisciplinar, aproveitando as nosas capacidades, pero tamén evolucionando tecnoloxicamente e promovendo a colaboración con outros centros, co fin de potenciar as posibilidades de acadar os obxectivos que nos formulamos.

Por iso, o iARCUS conta coas seguintes Prioridades Estratéxicas de I+D+I:

PE1: Mellora da produción sustentable de animáis acuáticos
A acuicultura é unha actividade esencial para alimentar á humanidade en constante evolucion para ser máis respectuosa co medio ambiente e co benestar dos animais. Nesta liña de traballo buscamos reducir o uso de antibióticos e produtos químicos nos cultivos, desenvolver novas vacinas e ferramentas de diagnóstico e mellorar as condicións de vida dos animais acuáticos. Queremos tamén achegar á sociedade unha imaxe real e rigorosa do que é a acuicultura, desmontando mitos e fomentando unha actividade máis transparente e responsable.
PE2: Vixilancia da calidade química e microbiana do medio acuático natural, e a súa interacción coa saúde humana e animal
A auga que nos rodea é un indicador da nosa saúde colectiva. Nesta área estudamos os contaminantes químicos e os microorganismos presentes nas augas do noso entorno, e como afectan tanto á fauna acuática como ás persoas. Ademais, analizamos as augas residuais como fonte de información sobre o estado sanitario da poboación, xa que permiten detectar, por exemplo, a circulación de virus ou o consumo de determinadas substancias. Queremos tamén implicar á cidadanía, habilitando ferramentas para que calquera persoa poida notificar vertidos ou acceder a información actualizada sobre o estado do noso medio acuático.
PE3: Calidade, trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos da acuicultura e outros alimentos
Cando consumimos un produto do mar, temos dereito a saber o que é, de onde vén e que garantías sanitarias ofrece. Nesta liña desenvolvemos tecnoloxías para verificar a orixe e a autenticidade dos alimentos, avaliar o seu estado de frescura e garantir que son seguros para o consumidor. Traballamos tamén para reducir os riscos asociados á presenza de bacterias resistentes a antibióticos e outros axentes potencialmente prexudiciais nos produtos acuícolas, contribuíndo así a mellorar a seguridade alimentaria de todos.
PE4: Peixes como modelos animáis: ferramentas biomédicas e biomarcadores de saúde animal e ambiental
Os peixes modelo son valiosas ferramentas científicas. Moitos procesos biolóxicos fundamentais, como o desenvolvemento dos órganos e o envellecemento son moi similares nos peixes e nos humanos. Por iso os empregamos como modelos de investigación biomédica, para estudar enfermidades e buscar novos tratamentos, pero tamén como indicadores do estado do medio ambiente, xa que nos axudan a detectar os efectos da contaminación e do cambio climático sobre os ecosistemas acuáticos.
PE5: Desenvolvemento e aplicación de metodoloxías analíticas
A boa ciencia require boas ferramentas. Nesta área traballamos no deseño e a mellora de técnicas avanzadas de análise e diagnóstico: desde métodos para detectar enfermidades ou contaminantes, ata tecnoloxías xenómicas, cromatografía ou espectrometría de masas. Estas capacidades analíticas non só sustentan o resto das nosas liñas de investigación, senón que tamén nos permiten ofrecer servizos especializados a sectores coma o acuícola ou o farmacéutico, facilitando a transferencia de coñecemento entre a universidade e a industria.
PE Transversal: Educación na resiliencia e no coñecemento do medio
O coñecemento científico só ten todo o seu valor cando se implementa e chega á sociedade. Esta prioridade atravesa todas as demais e reflicte o compromiso do instituto coa educación ambiental e a pedagoxía social. Queremos achegar a ciencia á cidadanía de forma accesible e rigorosa, fomentar unha cultura de respecto e coidado polo medio acuático, e contribuír a formar persoas e comunidades máis conscientes, críticas e preparadas para afrontar os retos ambientais do presente e do futuro.